26-01-2021A UVigo edita unha guía práctica sobre neofalantismo destinada á educación secundaria

En galego 27/7. Da minoración ao neofalantismo é o título da publicación, froito do traballo de investigación de
Fernando Ramallo, Martín Vázquez Fernández e
Luís López Alonso (Universidade de Vigo) e
Estefanía Mosquera Castro (IES de Pastoriza, Arteixo). A guía inclúe
trece actividades prácticas distribuídas en tres bloques temáticos.
Dentro da colección "
En galego! Investigación e divulgación científica", a Universidade de Vigo acaba de editar
catro guías prácticas destinadas ao traballo co alumnado de ensino secundario. O obxectivo destas guías é compartir con eles e elas os coñecementos sobre temáticas diversas que están a desenvolver grupos de investigación da UVigo, cunha intención fundamentalmente divulgativa.
Estas catro guías son a carta de presentación do proxecto, que aspira a contar cunha vintena de publicacións sobre diversos temas. Así mesmo, procuran o uso do galego de forma transversal en diferentes áreas, pois tratan temas tan diferentes coma
a saúde na Idade Media, a
alimentación ou
procesos de separación de elementos, alén de potenciar a divulgación científica na nosa lingua.
En galego 27/7. Da minoración ao neofalantismo Unha das guías desta colección foi elaborada por Fernando Ramallo (UVigo), Estefanía Mosquera Castro (IES de Pastoriza), Martín Vázquez Fernández (UVigo) e Luís López Alonso (UVigo) e leva por título
En galego 27/7. Da minoración ao neofalantismo. Nela os investigadores analizan o fenómeno do
neofalantismo en relación coa
dinamización lingüística e ofrecen
trece actividades para desenvolver co alumnado de ESO e Bacharelato. Estas actividades divídense en tres bloques temáticos:
- As actividades 1-5 están deseñadas para traballar a
concienciación sociolingüística.
- As actividades 6-9 céntranse na activación do alumnado para acometer
procesos de transformación lingüística.
- E as actividades 10-12 abranguen prácticas destinadas a
construír espazos en lingua galega e están pensadas, sobre todo, para os contextos cunha menor presenza do idioma. Este último bloque de actividades está deseñado para ser iniciado nas aulas e continuar fóra delas.
- A actividade final promove a avaliación e a creación de novas accións para a dinamización do neofalantisno na docencia de lingua galega.
Todas as actividades formuladas son exemplos que o profesorado pode adecuar á súa realidade sociolingüística e escolar. Os autores convidan o profesorado a (re)elaborar, deseñar e difundir novas actividades a través dos espazos virtuais dos centros co fin de compartir e enriquecer as experiencias didácticas arredor da dinamización do suxeito neofalante.
Máis información sobre as guías no
Diario da Universidade de Vigo.
Pódense descargar de balde todas as guías na
páxina da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.