CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

CTNL


601 votos
Votar | | | |


24-02-2021

A maioría dos/das técnicos/as de normalización lingüística dos concellos galegos teñen contratos temporais ou de interinidade

Servizos de normalización lingüística
Con motivo da denuncia do grupo municipal do Partido Popular no Concello de Pontevedra pola forma de contratación da TNL desta cidade, a CTNL quere lembrar que o 70% dos TNL dos concellos traballan con contratos temporais e que, en todo caso, ter un contrato temporal non é un privilexio, senón unha situación de inestabilidade laboral.


O grupo municipal do PP do Concello de Pontevedra denunciou o pasado venres irregularidades na contratación laboral da entidade local, personalizando a súa queixa no SNL e na súa responsable técnica, que é acusada de ter un trato de favor por este motivo. Desde a CTNL dirixímonos por carta ao voceiro do grupo municipal para explicarlle a situación dos SNL dos concellos galegos e a nosa postura respecto desta denuncia, que adiantamos que é de apoio ao traballo técnico do SNL de Pontevedra e á súa responsable.

Na CTNL consideramos moi desafortunado que mediante unha denuncia sobre contratacións temporais se lancen acusacións contra un departamento e a súa responsable técnica, sobre todo cando parece ser que o seu non é o único caso deste tipo de contratos na administración pontevedresa. Esta forza política expresa que non fai ningún reproche á persoa contratada polo traballo realizado, mais coas acusacións e a personalización sementan dúbidas sobre a necesidade do servizo e as razóns polas que a súa técnica foi contratada, xa que a acusan de militar no partido que sostén a alcaldía e suxiren que supostamente tería un trato de favor no concello por esta razón. En definitiva, búscase desprestixiar o departamento e o traballo de normalización lingüística a través dun ataque á súa responsable técnica.

Non xustificamos as modalidades de contratación dos empregados públicos no Concello de Pontevedra. De feito, somos conscientes de que nesta e noutras administracións públicas, especialmente nas locais, a contratación temporal é un mal endémico que cómpre corrixir. Precisamente este mecanismo da contratación temporal afecta a maioría dos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos galegos. Son órganos normalmente unipersoais que adoitan quedar en último lugar nos procesos de consolidación de emprego, procesos que por diversos motivos (lexislativos, pola súa longa e difícil tramitación, a causa das limitacións na taxa de reposición...) resultan sempre menos áxiles do que nos gustaría.

Desde a CTNL temos denunciado este problema e pedimos aos concellos que consoliden as prazas de técnico/a de normalización lingüística, pois o SNL debe ser un servizo estrutural das administracións locais por seren os departamentos técnicos encargados de asesorar a institución no exercicio das súas competencias en normalización lingüística. Por outra parte, a consolidación das prazas beneficia a calidade do traballo, pois permite aproveitar a grande experiencia que as persoas adquiren cando levan tempo desenvolvendo un labor tan complexo coma o da promoción do uso e do prestixio da lingua.

A última vez que tratamos o problema da inestabilidade laboral foi en setembro de 2018, logo de que a Dirección Xeral da Administración Local e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentasen o Informe sobre a prestación do servizo de normalización lingüística pola Administración local en exercicio de competencia propia, un documento elaborado co obxectivo de aclarar calquera dúbida respecto da competencia das administracións locais en materia de normalización lingüística. A conclusión do informe é que “tanto a Xunta de Galicia como as entidades locais de Galicia teñen atribuídas competencias en materia de normalización lingüística”.

Naquel momento analizamos a situación dos SNL e denunciamos, entre outras cousas, a escaseza deles nos concellos galegos e a inestabilidade laboral xeneralizada dos existentes. Esta inestabilidade abrangue situacións diversas: desde as máis críticas, en servizos que funcionan uns meses ao ano grazas a diferentes subvencións, até departamentos estables no tempo, que desenvolven o seu labor de forma continuada, pero con contratacións interinas ou temporais durante anos.

Hoxe, a situación dos servizos de normalización lingüística case non variou. Nos últimos anos só se consolidaron tres SNL: nos concellos de Redondela, Abegondo e Rois. Por tanto, teñen prazas consolidadas (persoal funcionario ou laboral fixo) unicamente 13 concellos galegos: Vigo, Moaña, Redondela, A Estrada, A Cañiza, Santiago de Compostela, Ferrol, Melide, Fene, Culleredo, As Pontes de García Rodríguez, Abegondo e Rois.

No lado contrario da balanza, 24 prazas na provincia da Coruña, dúas en Lugo, dúas en Ourense e tres en Pontevedra continúan sendo temporais despois de entre 10 e 20 anos de contratación, algunhas mesmo sen estar incluídas nas respectivas relacións de postos de traballo, eiva que dificulta aínda máis a súa estabilización. Destas prazas, están anunciados en ofertas públicas de emprego —por tanto, agardamos a súa próxima consolidación— postos en Ponteareas, Ames, Narón, Miño, Carballo (hoxe vacante), Pontedeume e A Coruña; pero aínda é un número escaso en relación coas prazas temporais existentes.

De acordo con esta análise, na CTNL temos claro que unha contratación temporal durante 20 anos non é un privilexio para a persoa contratada, senón máis ben un caso de inestabilidade laboral evidente. Daquela, suxerir que a técnica de normalización lingüística do Concello de Pontevedra ten un trato de favor por este motivo é unha interpretación retorcida da realidade: a situación desexable deste e doutros moitos servizos de normalización lingüística sería que estivesen consolidados nas institucións e non nunha situación de precariedade laboral.

Alén disto, queremos destacar que o SNL do Concello de Pontevedra (como outros moitos, algúns tamén inestables) é un departamento recoñecido por planificar, deseñar e desenvolver excelentes programas de normalización lingüística, mesmo premiados coma o programa Apego (Premio da Cultura de Galicia na modalidade de lingua en 2017) ou o proxecto Youtubeiras e Youtubeiros (Premio Mil Primaveras en 2019 como mellor proxecto innovador). Outra calidade destacable deste servizo e da súa responsable técnica (igual ca outros/as técnicos/as e SNL) é a capacidade para traballar en colaboración con outros servizos na planificación, deseño e xestión conxunta de proxectos de normalización lingüística (os anteriores, o Club de Debate, Enreguéifate ou Falamos son unha mostra desta maneira de traballar), sen esquecermos a dedicación aos programas que se desenvolven exclusivamente no municipio.

Desde a CTNL pedimos ás forzas políticas que non empreguen os departamentos técnicos de normalización lingüística como chibos expiatorios para a confrontación ideolóxica. Respectamos a confrontación que poida haber entre diferentes ideoloxías e formas de ver a xestión pública, pero debemos lembrar que a defensa e a promoción do uso e do prestixio da nosa lingua propia é unha responsabilidade de todas as forzas políticas, tanto das que gobernan como das que están na oposición.

Polo tanto, non se debe considerar nin insinuar que contar cun servizo de normalización lingüística permanente sexa un capricho partidista, senón unha necesidade para que a institución exerza as súas competencias con eficacia, da mesma maneira que as exerce noutras áreas con outros departamentos (urbanismo, servizos sociais, mocidade, cultura, deportes, igualdade…). Desprestixiar o departamento técnico que se encarga da normalización lingüística nunha administración pública é unha forma de desprestixiar o propio labor de promoción da lingua, que é unha responsabilidade de todas e todos.

Carta da CTNL ao grupo municipal do Partido Popular no Concello de Pontevedra, en .pdf

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021

Avisos

    mes anterior
    Xuño de 2021
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
      1 2 3 4 5 6
    7 8 9 10 11 12 13
    14 15 16 17 18 19 20
    21 22 23 24 25 26 27
    28 29 30     
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • Gústame... o galego
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Axenda da lingua
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego