22-06-2021Ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega no Concello da Coruña

O
Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 4 de marzo de 2021 publicou o
texto inicial da
Ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega no Concello da Coruña, aprobada no pleno do 4 de febreiro. Logo da fase de información pública e de resolver as alegacións presentadas, no Pleno do 3 de xuño aprobouse definitivamente o
texto definitivo, que se publica no BOP de hoxe.
Este texto normativo do
Concello da Coruña declara o
galego como idioma oficial do Concello, por ser lingua propia e oficial de Galicia. Por tanto, establécese que "O Concello da Coruña empregará e promoverá o galego en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia, así como con aquelas que admitan o galego para as actuacións administrativas".
Ao longo dos seus
15 capítulos, 30 artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras, regúlase o uso oficial do idioma galego; o ámbito de aplicación; a atención ao público; no emprego da lingua na documentación e actuación administrativa; nas publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas; na compra de bens e materiais, no encargo e contratación de servizos e nas relacións coas empresas privadas; na sinalizacións e rotulación; nas relacións con outras administracións; polo persoal ao servizo da Administración; e na toponimia, nomes de rúas, edificios e outras localizacións. Tamén se establece a responsabilidade do concello no impulso institucional do idioma e o labor de mellora da calidade lingüística e da linguaxe democrática inclusiva.
O SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICAO texto da ordenanza recolle no seu
artigo 22 que o Concello da Coruña contará cun servizo de normalización lingüística "estable cun espazo propio e dotado con recursos económicos, materiais e humanos suficientes, co obxecto de impulsar a normalización da lingua, procurar o incremento do uso e prestixio do idioma galego no ámbito municipal e coordinar as accións necesarias para que se cumpra esta ordenanza".
No mesmo artigo detállanse as
funcións deste departamento, que se clasifican
en catro áreas: funcións
xerais, funcións de
dinamización sociolingüística, funcións de
formación sociolingüística e funcións de
asesoramento lingüístico.
O PLAN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICANos
artigos 23 a 29 establécese que o Concello aprobará un
Plan de normalización lingüística (PLN), documento en que se plasmará periodicamente o desenvolvemento e a concreción da política municipal sobre a promoción da lingua galega. O PNL, que terá unha vixencia mínima de cinco anos, conterá programas de actuación específicos que sinalarán as accións concretas, os recursos dispoñibles, a quen van dirixidas esas accións, obxectivos específicos e indicadores para valorar o grao en que se cumpren.
A ordenanza do Concello da Coruña entrará
en vigor aos 15 días da súa publicación no BOP.
Ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega no Concello da Coruña, en .pdf