28-03-2022Ordenanza de uso social da lingua galega do Concello de Ares
O
Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 24 de marzo de 2022 publicou a aprobación definitiva da
Ordenanza de uso social da lingua galega do Concello de Ares, un texto aprobado no Pleno municipal o 31 de xaneiro de 2022.
Este texto normativo do
Concello de Ares declara o
galego como idioma oficial do Concello, por ser lingua propia e oficial de Galicia. Por tanto, establécese que "O Concello de Ares empregará o galego en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social, e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas".
Ao longo dos seus
20 artigos distribuídos en 13 capítulos regúlase o uso oficial do galego; o ámbito de aplicación; a atención ao público; o emprego da lingua na documentación e actuación administrativa; nas publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas; na compra de bens e materiais e no encargo e contratación de servizos; na sinalizacións e rotulación; nas relacións con outras administracións; nas relacións coas empresas privadas; polo persoal ao servizo da Administración; e na toponimia, nomes de rúas, edificios e outras localizacións.
Tamén se establece no seu articulado a responsabilidade do concello no
impulso institucional do idioma e o labor de mellora da
calidade lingüística e da linguaxe democrática inclusiva.
SEN MENCIÓN DO DEPARTAMENTO TÉCNICO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICAA pesar de que o Concello de Ares conta cun
servizo de normalización lingüística compartido coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, no texto da ordenanza
non se fai referencia a ningún departamento técnico que
asesore a institución para desenvolver as accións de impulso institucional do idioma mencionadas no artigo 19, entre elas, pór en marcha "programas dirixidos á poboación e ás entidades asociativas ou empresariais do municipio para conseguir a implicación progresiva de todos os colectivos no proceso de recuperación social da lingua galega", ou fomentar "o uso e prestixio do galego na transmisión interxeracional, na mocidade, na onomástica, no deporte, nas novas tecnoloxías, na creación e difusión cultural, no ámbito empresarial e comercial, na comunicación, na xustiza, no lecer, na educación, na sanidade, no ámbito relixioso, no turismo, na integración social, na música, no asociacionismo, etc.".
Ordenanza de uso social da lingua galega do Concello de Ares, en .pdf