CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Máis alá


11124 votos
Votar | | | |


11-06-2008

“O avance en política lingüística nesta lexislatura foi mínimo, a actuación é continuísta”. Entrevista a Henrique Monteagudo

ENTREVISTA: por Concha Diéguez

Henrique Monteagudo
Henrique Monteagudo é sociolingüista e director do CDSG. Nesta entrevista fai balance destes tres anos de política lingüística do goberno bipartito, fala da nova etapa que pode iniciar o CDSG e cóntanos en que consisten os novos estudos superiores de Planificación lingüística.


Coa entrada do bipartito no goberno agardábase unha nova etapa na política lingüística da Xunta, que valoración che merece o camiño andado nestes tres anos?
Ben, creo que o avance foi mínimo, a actuación é continuísta, e polo tanto non se pode falar de nova política lingüística. Considero que hai unha falta de asunción do que é a política de planificación lingüística. A idea xeral que impera é a do continuísmo na acción de goberno sobre o galego, polo menos nesa área. Noutras como Vicepresidencia coas Galescolas, Educación co decreto para incrementar o galego como lingua vehicular ou Industria, desenvolveron iniciativas boas.
Todo o que hai de novo fíxose de maneira transversal noutros departamentos do goberno; e o que hai de vello está na Secretaría Xeral. Polo tanto podemos dicir que non hai nin política nin planificación lingüística.


Unha das iniciativas que se están levando a cabo é unha campaña de promoción da lingua galega: E logo. En galego tes todo por dicir!, pensas que está a ter incidencia na sociedade?
Eu creo que se converteu no que temiamos, nunha campaña de publicidade da Xunta. Unha campaña coma esta, que non ten un obxectivo específico, e que ademais non está acompañada de medidas concretas, pódese dicir que é unha acción de propaganda. O que non é claramente é unha campaña de apoio ao galego.

Tes a sensación de que prevalece a posta en marcha de accións deslavazadas para cubrir a campaña?
En todo ese balbordo de iniciativas que se presentaron hai algunhas interesantes, pero en gran parte soa a unha colección de ocorrencias, que tamén é algo que xa coñeciamos de gobernos anteriores. Isto xa se sabe que non funciona, non é un concurso de xenialidades.
Creo que o que fai falta é unha acción sostida, cuns contidos claros e que garden coherencia. As campañas, para que non sexan contraproducentes, deben constituírse de accións que arroupen as medidas que se fixen como prioritarias.


Unha das iniciativas que xerou moitas expectativas foi o anuncio dos Consorcios (Planificación e Terminoloxía), que agora parece que non van ir adiante.
Nesta cuestión é onde poderiamos dicir que está “a proba do algodón”, a proba do suspenso, porque boa nota seguro que non se vai ter. A conformación dos consorcios sería o mínimo que se debería facer nesta lexislatura.
Se ademais das iniciativas que citei doutros departamentos se conseguise a conformación dun Consorcio de Planificación Lingüística que fose capaz de englobar a acción institucional a favor do galego, de orientala, de coordinala, de darlle un apoio técnico, e polo tanto de potenciala, aínda poderiamos dicir que non era unha lexislatura perdida. O feito de que non saíse adiante paréceme un fracaso estrepitoso.
O que hai a grandes trazos é desorientación e falta de impulso cara á medidas concretas. Podemos dicir que algo se racionalizou a xestión, sobre todo na rede de centros de galego no exterior, pero fóra disto non hai nada que permita facer un balance positivo.


Unha das liñas de traballo máis importantes postas en marcha foi o novo sistema de aprendizaxe de galego, o CELGA, que che parece?
O sistema de validación xerou moita controversia...

Esta iniciativa en realidade é un elemento menor en política lingüística. É unha cuestión moi técnica que está moi ben que se racionalice, pero estase enfatizando demasiado nisto. Recórdame aos peores disparates que se fixeron en anos pasados: enfatizar o insignificante, darlle importancia ao secundario. Creo que hai un trastocamento de prioridades, unha falta de orientación que nos recorda moitísimo ao que xa coñeciamos.

Falando de etapas novas, e xa como director do CDSG, este órgano integrado no Consello da Cultura Galega inicia un novo treito, cal vai ser o seu papel?
Estamos nun momento de reflexión. O CDSG xurdiu como un acordo coa Dirección Xeral de Política Lingüística e estaba pensado para servir a xermolo para esa rede de organismos, de entidades de apoio e de xestión da planificación e da normalización lingüística. Creo que funcionou bastante ben nese sentido, pero foi grazas ao voluntarismo da xente que traballaba no CDSG e, da que estaba á fronte dos SNL, dos gabinetes lingüísticos e particularmente da CTNL. A Xunta, como responsable de encaixar todas esas pezas non fixo nada, máis ben ao contrario. Ao longo dos sucesivos gobernos do PP todas as iniciativas que desde o CCG se fixeron foron moi mal acollidas, ata o punto de non recoñecer que algunhas das accións que desde alí se desenvolveron foron iniciativas do Consello. Por poñer un caso, o PXNL arranca nunha boa medida dunha serie de informes e accións do CCG, e nunca se nos deixou participar nin na súa elaboración, nin no asesoramento.
Coa entrada do novo goberno, particularmente co lanzamento do Consorcio esperabamos que finalmente servise para encaixar esa peza. Pero a actitude da SXPL ante o CCG, e consecuentemente co CDSG, non variou.
Entón atopámonos con que os tempos avanzan, as cousas mudan, e unha acción que nun momento dado se sostivo no voluntarismo dunha serie de colectivos e de persoas e institucións debe ser repensada.

A perspectiva é pesimista entón?
En principio non, pero no que se refire ao engarce do CDSG no Consorcio, que era prioritario para nós, obviamente si, porque esta iniciativa non vai adiante. Sabemos que aínda que existise non había unha boa disposición a que formara parte del, aínda que sempre había posibilidade de que iso fose cambiando.
Creo que en xeral todos os axentes que traballamos pola normalización do galego non podemos durmirnos nas análises e temos que ir adaptándonos. Isto non quere dicir que o CDSG non valla senón que igual hai que repensar un pouco a súa actividade, pero non desde unha perspectiva pesimista, senón como reformulación. Quizais podería ser unha especie de observatorio, aínda que non me atrevo a dar moitas ideas polo momento. Debemos repensalo todos, tamén os outros axentes involucrados nisto, como a CTNL, e actuar en función das conclusións ás que cheguemos.
Este ano pasado non tiveron lugar os Encontros de Normalización Lingüística, parece que a fórmula non se vai repetir.
Ata o de agora os Encontros fixéronse sempre a contracorrente do goberno, co anterior e tamén co actual. Co bipartito percibín que seguían sendo un elemento molesto para a Xunta. Cando observamos que organizaban eventos coincidindo cos Encontros pensámolos dispostos a promover actividades dese tipo, o que por outra parte, é a súa obriga. Como observamos que non se promoveu nada, e cando xa pasou un período prudente para ver como evoluían as cousas, chegou o momento de facer balances.
Quizais agora hai que facer uns Encontros, non tanto por revisar o pasado como por buscar novas saídas, novas ideas de cara ao futuro para paliar a gran pobreza de iniciativas que hai agora mesmo, e tamén para ver que cousas se fan e cales non e por que. Despois, que se poñan en práctica, ou que se fagan mellor ou peor xa depende dos responsables políticos.

E xa para rematar, para cando uns estudos superiores de planificación lingüística?
Pois este ano comeza a funcionar o Mestrado de política lingüística e planificación da lingua galega, coa participación das tres universidades galegas, a de Vigo, a da Coruña e a de Santiago de Compostela e co apoio económico da SXPL. Os coordinadores seremos Anxo Lorenzo, Goretti Sanmartín e eu.
Ímolo poñer a andar co profesorado de aquí, das tres universidades, e faremos tamén algunhas actividades con xente que non é deste ámbito, de fóra de Galicia. Contaremos con todo o saber que sobre a planificación lingüística hai fóra da universidade, que é moito, en forma de actividades complementarias e colaboracións en prácticas. Se isto vai para adiante van ter moito máis peso xa desde o comezo no propio currículo regular do mestrado.
Esperamos que a experiencia funcione e poidamos ser cada vez máis ambiciosos. Tentaremos ilo adaptando e contar cada vez con máis profesorado universitario de fóra e con xente doutros ámbitos.
Eu creo que se ten unha boa acollida, se nós acertamos e se a xente o apoia, pode supor o xermolo dunha actividade de formación importante para quen queira traballar en labores de planificación e normalización lingüística.



Henrique Monteagudo Romero (Muros, 1959). Doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, onde é profesor desde 1982. Secretario do Consello da Cultura Galega (CCG) e coordinador da Sección de Lingua deste organismo. Dirixe o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) e foi coordinador do Informe sobre Política Lingüística e Normalización en Galicia.

Concha Diéguez é vogal da CTNL [+info]


Ligazóns relacionadas


Entrevista a Henrique Monteagudo en formato .pdf

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Marzo de 2024
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
            1 2 3
    4 5 6 7 8 9 10
    11 12 13 14 15 16 17
    18 19 20 21 22 23 24
    25 26 27 28 29 30 31
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Instagram da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Proxector
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego