16-10-2023A CTNL lamenta a supresión do SNL da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol
A Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua fai público un
comunicado para expresar o malestar pola
supresión inesperada do SNL da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e solicita a recuperación do servizo o antes posible.
Este servizo
creouse no ano 2021 ao abeiro dunha liña de axudas da Deputación da Coruña para a creación, o mantemento e o reforzo de servizos de normalización lingüística.
A finais do ano 2022 renovouse o contrato da técnica de normalización lingüística co fin de contar co servizo durante o ano 2023, mais este contrato foi rescindido antes de que acabase este período, en xullo de 2023.
As entidades locais de Galicia teñen
entre as súas competencias a normalización lingüística, é dicir, a promoción do uso e do prestixio da lingua galega en todos os seus ámbitos de influencia, e os servizos de normalización lingüística son os departamentos técnicos especializados necesarios para que as entidades locais poidan exercer de forma eficaz as súas competencias en normalización lingüística.
Durante os anos que estivo en funcionamento o
servizo desenvolveuse un
programa amplo de actividades para promover a lingua nos
concellos de Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño: celebración do Día do Orgullo Neofalante con colaboración dos centros de ensino e actividades para todos os públicos, o programa Bebegale dirixido a familias e crianzas, Deporte e lingua, Maios e lingua, seguimento das ordenanzas, compilación de recursos en liña para a mellora da calidade lingüística, etc.
Os concellos que contaban con este servizo aprobaron ademais cadansúa
ordenanza de normalización lingüística, textos legais mediante os cales as entidades concretan a súa responsabilidade no fomento do uso e do prestixio do galego no ámbito municipal.
Agardamos que esta supresión non sexa definitiva e que os cinco concellos implicados poidan
retomar a promoción da lingua mediante un departamento técnico que poña en marcha programas dirixidos desenvolver esta responsabilidade na comarca.
Comunicado en .pdf