19-04-2024Queremos Galego convoca a manifestación do 17 de maio
A plataforma
Queremos Galego, da cal forma parte a CTNL, convoca de novo a
manifestación do Día das Letras Galegas en Compostela. O lema da convocatoria deste ano é "Un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva".
A plataforma cidadá
Queremos Galego volve convocar a sociedade galega a unha
manifestación o 17 de maio. Sairá, como é habitual,
ás 12.00 desde a Alameda de Santiago de Compostela.
Un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza vivaEste é o lema da mobilización deste ano, coa cal se busca
reclamar aos gobernos galego e español unha maior "responsabilidade legal e moral co idioma". No ano en que se fan 20 anos da aprobación por unanimidade do Plan xeral de normalización da lingua galega, a plataforma cidadá pide que se implementen
máis accións a favor do galego en todos os ámbitos, "para reverter a situación de emerxencia lingüística".
Presentación da manifestaciónO 19 de abril Queremos Galego presentou esta convocatoria en rolda de prensa na Libraría Couceiro de Compostela. Na presentación a actriz
María Vázquez leu o
manifesto, que recorda que o Plan xeral de normalización da lingua galega foi elaborado coa participación de máis de 1000 persoas de todos os ámbitos e aprobado por unanimidade parlamentar. Conta con 400 accións e medidas concretas que, nestes 20 anos, non só non se desenvolveron, senón que sufriron importantes retrocesos. "Para unha Galiza viva, activa e consciente das súas capacidades", afirma o texto, que se pode
asinar en liña, "precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo".
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma Queremos Galego, asegurou que "cómpre darlle a volta á regresión que vén sufrindo a aplicación do Plan xeral de normalización da lingua galega nos últimos anos" e "comezar unha nova etapa de avances para o galego". E recordou que esta necesidade foi sinalada tanto polas entidades sociais como polo Consello de Europa, que pediron á Xunta e ao goberno central que actuase neste sentido.
Algúns exemplos do panorama actual sobre a lingua denunciados polo voceiro da plataforma son "a desaparición do galego nas escolas infantís, as dificuldades para as aulas en galego con EDIXGAL, a ausencia de contidos audiovisuais infantís -incumprindo a lei- en RTVE, o acceso aos webs da Administración por defecto en castelán, os servizos que non entenden nin atenden en galego" e "a nova vaga de deturpación da toponimia".
Marcos Maceira recordou que "é posíbel mudar a situación" e que "as accións necesarias para reverter o descenso no uso do galego están aprobadas desde hai case 20 anos no Plan xeral de normalización da lingua galega". "O galego defínenos e identifícanos colectivamente, é mostra de autoestima, de orgullo colectivo, de capacidade de desenvolvemento e sitúanos no mundo como pobo con vontade de existir nun mundo plural e diverso", rematou Maceira. Por iso, segundo recolle o manifesto que acompañará a manifestación o próximo 17 de maio, "é hora de os gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta de Galiza, e acompañar a sociedade que actúa e se mobiliza día a día para termos o galego vivo, Galiza viva".
Na presentación da manifestación participaron, alén de María Vázquez e Marcos Maceira, Laura Borraxo, Dores Vidal, Xela Armas, Suso Bermello, Arantxa Nogueira, Sara Seco e Xosé Ramón López Boullón (en representación dalgunhas das entidades que integran a plataforma cidadá).
Autobuses para facilitar a asistencia á manifestación do 17 de maioA plataforma Queremos Galego porá á disposición das persoas que o desexen
transporte colectivo desde todas as comarcas, a prezos económicos. A
información dos puntos de saída está dispoñíbel no web da plataforma.