20-04-2024Comunicado da CTNL en relación coa Instrución 3/2024 do Concello de Ferrol
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), que ten como fins, entre outros, o de promover o uso e prestixio da nosa lingua en todos os ámbitos da sociedade galega e elaborar propostas para facer máis efectivo o traballo a prol da normalización lingüística, desexa lembrar e
facer públicas unha serie de consideracións verbo da instrución ditada recentemente polo Concello de Ferrol co obxectivo de axilizar a actuación administrativa da entidade.
A CTNL lamenta que se redacte unha
instrución contraria ao espírito e á literalidade da ordenanza de normalización lingüística e
da lexislación autonómica de promoción da lingua e que, en última instancia, se transmita a mensaxe de a lingua galega ser a causante dunha suposta falta de axilidade administrativa.
Manifesta a súa preocupación de que se estea a aludir constantemente a uns labores de “tradución ao galego” que non só entran en contradición con moitos dos artigos da
ordenanza de normalización lingüística, senón que
contribúen a perpetuar o papel secundario da lingua galega e constitúen o primeiro paso para lle apor todo tipo de prexuízos, neste caso relacionados co bo funcionamento das administracións que todas e todos desexan.
Desde a CTNL valórase positivamente a rápida reacción do goberno local de rectificar a decisión tomada e que se establezan canles de colaboración entre administracións; mais a verdade é que, a día de hoxe,
esta instrución segue vixente xa que non consta que fose modificada.
E por último, recoméndase que en todas aquelas decisións internas que tome unha administración que teñan a ver coa xestión ou tratamento das linguas se teña
en conta obviamente a
lexislación e normativa vixentes, así como
o criterio técnico do persoal, neste caso,
do servizo de normalización lingüística, co fin de atopar a solución máis acaída e axustada a dereito para cada momento.
Comunicado da CTNL, en .pdf