CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

CTNL


25 votos
Votar | | | |


21-10-2024

En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai: lembranza de Marta Souto

Marta Souto
Marta Souto González, técnica de normalización lingüística do Concello de Vigo e socia fundadora da CTNL, deixounos o pasado venres. Traballadora incansable, sempre colaboradora e unha pioneira no labor normalizador desde as administracións locais, temos moito que agradecerlle. Ela, xunto con outras persoas, soubo ver a necesidade de contarmos cunha entidade asociativa para compartir experiencias e recursos, formarnos e ter voz conxunta e acabou impulsando a CTNL a partir dunhas xornadas de dinamización en Vigo.


Marta Souto comezou a traballar como técnica de normalización lingüística no Concello de Vigo en 1992. Neses anos estaban a crearse os primeiros servizos de normalización lingüística (Redondela, Universidade de Santiago de Compostela, Concello de Compostela, Fene, Ferrol, CIG...). Axiña o persoal técnico foi consciente da necesidade de formarse para desenvolver mellor o seu traballo e, con este obxectivo, o SNL de Vigo e a Universidade de Vigo organizaron en marzo de 1995 unhas Xornadas de Dinamización Lingüística onde participaron especialistas de Cataluña.

Estas xornadas foron o xermolo da nosa asociación, varias das persoas que a ían impulsar, entre elas a propia Marta, viaxaron a Cataluña para coñecer de primeira man como se estaba a traballar alí e á volta comezaron os trámites para constituíla. Marta Souto iniciou o noso camiño formando parte da primeira directiva. Sobre estes momentos iniciais conversou Marta con Soco García Conde, Daniel Romero e Rosa Aneiros no primeiro vídeo con que conmemoramos os 25 anos da CTNL.

O SNL do Concello de Vigo desenvolveu proxectos que foron modelo de traballo para outros SNL. Un dos primeiros, iniciado no curso 1992-93 e que durou varios anos, foi a campaña En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai, en cooperación coa Xunta de Galicia e produto da demanda do colectivo docente. Con esta iniciativa buscábase dotar o profesorado de recursos para empregar o galego como lingua vehicular, para coñeceren a situación sociolingüística, a toponimia..., e a través deles chegar tamén ao alumnado e ás familias.

Este labor de colaboración continua cos centros educativos foi unha marca de traballo do SNL de Vigo. Cada ano reuníase con eles e ofrecíalles novas actividades, recursos e unidades didácticas, propostas de dinamización da lingua... Son moitas as iniciativas que desenvolveu co ensino, das cales queremos destacar os obradoiros de rap e regueifa Duplo R, que procuraban asociar as dúas disciplinas para vincular tradición e modernidade e transmitir á mocidade unha visión en positivo da lingua galega.

Este traballo de dinamización a través da improvisación oral desembocou na fundación do CIOV, Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo, creado polo SNL para traballar na recuperación e posta en valor da tradición oral e das novas formas de improvisación oral. Hoxe este centro é un referente e continúa a desenvolver actividades de formación e dinamización dirixidas á mocidade.

Outros ámbitos de intervención do SNL foron o sector socioeconómico, cun importante labor nos mercados municipais, a formación en lingua galega, con cursos de niveis básicos (Achégate ao galego ou no programa En galego tamén noutros mundos) e cursos monográficos para perfeccionar a lingua e coñecer o patrimonio (por exemplo, cursos de auga doce e de auga salgada), actividades de lecer para a infancia (No Nadal... un conto, Libros ao sol e outros), labor de recolla e difusión da toponimia viguesa, cunha serie de libros editados en colaboración coa Universidade de Vigo...

O Concello de Vigo tamén foi un dos primeiros en elaborar un Plan de dinamización lingüística, que foi aprobado no ano 2007 polo Consello Social da Lingua. Este marco de traballo do servizo estaba articulado en sete sectores estratéxicos (administración local, ensino e mocidade, medios de comunicación, tecido asociativo, inmigración, crenzas relixiosas e socioeconómico) co obxectivo xeral de «facer normal o uso do galego en calquera ámbito da sociedade viguesa».

O labor colaborativo era outra das liñas mestras do servizo que dirixía Marta Souto. Participou canda outros SNL en actividades conxuntas: desde os obradoiros Máis alá de lingua e sociedade ou Ciberlingua no inicio ata o Club de Debate ou programa Apego. Así mesmo, a complicidade coa Universidade de Vigo para desenvolver proxectos era continua: publicaron libros de toponimia, organizaron charlas de ciencia, elaboraron estudos... E non queremos esquecer que este traballo compartido tamén nos trouxo campañas coma Gústame o galego de primeira, unha adaptación dunha actividade da CTNL coa implicación do Celta de Vigo.

Esta é só unha pequena escolma do labor de Marta Souto á fronte do Servizo de Normalización Lingüística de Vigo. Xa o sabiamos, mais este duro transo confirmounos a estima que soubo profesar das persoas e colectivos cos que traballou, das complicidades que soubo tecer, da paixón pola lingua (e non só pola lingua) que soubo transmitir... Desde xa é unha obriga seguir cultivando todo o que sementou, seguir transitando e mantendo expeditos os camiños que soubo abrir. E facelo con afouteza, como a ela lle gustaría! Desde esta asociación, que Marta contribuíu a crear, velaremos por que así sexa!

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Novembro de 2024
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
            1 2 3
    4 5 6 7 8 9 10
    11 12 13 14 15 16 17
    18 19 20 21 22 23 24
    25 26 27 28 29 30  
    Próximos eventos

      • Asociate á CTNL
      • Agasallo. Propostas de regalos en galego
      • LGx15
      • Premios Mil Primaveras
      • Viveiro de propostas normalizadoras
      • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
      • Envianos
      • Canles de novas da CTNL
      • Facebook da CTNL
      • Twitter da CTNL
      • Instagram da CTNL
      • Kit para a normalización en rede
      • Proxector
      • Queremos Galego
      • Eu.gal: Por un dominio galego