16-07-2008Cando a porcentaxe de aprobados nas probas do Celga apenas acada o 30%
OPINIÓN: por Silvia Bello Campos
Algo falla nos Celga. Só aprobou o 30% nos niveis 3 e 4. Parece claro que todos temos que tomar conciencia dos erros e preguntar que é o que está a fallar, dende a Administración ata o profesorado colaborador; non podemos culpar unicamente ao alumnado dos resultados da avaliación final.
Probablemente un dos erros máis destacados, na miña opinión, é a falta de información, pois segue a haber xente que se presenta ao nivel que non lle corresponde, probablemente porque o seu único interese sexa acadar o nivel que se lle vai esixir nas oposicións. Quizais sería necesario facer unhas xornadas en que se informe aos interesados sobre o significado dos certificados Celga, o nivel que lle correspondería a cada un, os contidos e obxectivos de cada nivel, e tratar de fomentar o interese do alumnado pola obtención do certificado para que non sexa só pola imperante necesidade –como o ve a maioría da xente– de obtelo para as oposicións. Isto débese realizar, polo menos, cada vez que haxa unha convocatoria, é dicir, dúas veces ao ano.
Pero como dixen anteriormente, todos temos parte de culpa. Tamén o profesorado colaborador. Non digo que todo o mundo sexa igual, evidentemente, sempre hai excepcións, pero todos estarán de acordo comigo cando digo que hai compañeiros que pretenden avaliar ao seu alumnado, cousa que tería a súa lóxica, o docente debería formar parte da avaliación –de feito todos formamos parte do proceso aínda que non saibamos a quen avaliamos– pero temos que ter claro que unha das características máis importantes dunha avaliación é a obxectividade, e como os exames teñen un código e non coñecemos a identidade da persoa que se examina, creo que é un xeito de que sexa máis fácil –e necesario– sermos obxectivos á hora de corrixir . E como para sermos obxectivos debemos poñer todo o noso esforzo en evitar certos tipo de erros no proceso de avaliación: os prexuízos, condicionamentos, lazos de afectividade ou simpatía, que moitas veces resulta difícil, con este proceso facilítase precisamente, que non se caia na subxectividade. Se se está a dar tan alta porcentaxe de suspensos algo haberá que facer para que esta situación mellore. Teriamos que tomar parte desta mellora todos, desde a Administración –con cursos de actualización, técnicas e recursos didácticos–, ata o profesorado colaborador e o propio alumnado.
Por outra parte, e fóra xa da avaliación propiamente dita, creo que xa é hora de que, con respecto ao profesorado colaborador, haxa un pouco máis de seriedade e menos “escurantismo”, xa son moitos anos con isto dos cursos de galego –iniciación e perfeccionamento– e xa coñecidos os erros anteriores, parece que cos Celga imos seguir do mesmo xeito: coñecémonos todos e sempre os comentarios en petit comité van sempre na mesma liña; hai compañeiros que imparten varios cursos ao ano e outros ningún. A Administración parece non querer ver como traballa algunha Delegación Provincial, aínda que cremos que é consciente de que as protestas son vox populi, segue a pechar os ollos, co sinxelo que é facer que se sigan as listaxes de profesorado. Pero a indignación non remata aquí. Non sabemos moi ben que criterios se seguen. Ao profesorado colaborador esíxesenos estar no paro para poder formar parte das listas para impartir os cursos e á Escola de Idiomas –aquí está a incoherencia– plántanlle unha chea de cursos cando xa están agarrados á súa praza. Digo eu que todos teriamos que estar nas mesmas condicións porque, deste xeito, temos dereito a pedir unha regularización dos cursos, como acontece noutros ámbitos –profesorado colaborador do Plan FIP que depende da Consellería de Traballo–, pero isto parece estar a anos luz.
Outra das queixas é –non sen razón– que ten que haber un reparto xusto dos exames. Tampouco aquí se segue unha orde coherente. Sempre son os mesmos os que corrixen os exames escritos e os que están presentes na proba escrita. Non sabemos moi ben, ao ver estes criterios, para que se fan as listaxes se non se segue unha orde xusta para todos. Uns todo e outros nada.
E, finalmente, non podo rematar este artigo sen falar do despilfarro por parte da Administración á hora de alugar as aulas. Non creo que sexa necesario investir cartos no aluguer das aulas das universidades, cando poden botar man dos centros públicos de ensino –hoxe ben acondicionados na súa maioría– e investir eses cartos en temas de interese xeral e máis necesarios.
Hai moito que mellorar e é necesario que sexa canto antes pero non se conseguirá se a Administración non pon da súa parte porque, realmente, é a que ten máis capacidade ten para poder facelo.
Silvia Bello Campos é lingüista e profesora colaboradora dos cursos de galego [
+info]