29-07-2008"A esperanza de facer un traballo normalizador coordinado estaba posta na creación do Consorcio". Entrevista a Xoán Sande
ENTREVISTA: por David Cobas Medín
Xoán Manuel Sande é o deputado provincial da Coruña responsable da Área de Benestar Social e Normalización Lingüística e concelleiro na oposición polo BNG no Concello da Laracha, lugar do que é natural. Desde esta posición amósanos un punto de vista interesante da relación entre lingua e política. Nesta entrevista falamos con el de normalización, centrándonos no traballo que se fai desde a Deputación da Coruña e das relacións que esta institución ten con outros organismos con responsabilidades normalizadoras.
En primeiro lugar, a pregunta obrigada; como valora vostede o traballo realizado pola Deputación da Coruña en canto á normalización lingüística, sobre todo desde a súa chegada, hai xa case un ano?
Produciuse un salto importante, xa desde o ano 2004, co cambio político na Deputación. Antes o galego era practicamente inexistente. Hoxe en día segue a ser complicado, porque existen certos poderes, e non só políticos que dificultan o traballo normalizador, mais xa se foron conseguindo cousas. Foi daquela cando se pensou en cambiar o estatus do Servizo de Tradución polo de Unidade Técnica de Normalización, feito que se materializou no 2007. Foi tamén cando se enviou a todas as unidades unha circular asinada polo presidente na que se recollía a normativa e a lexislación lingüística vixente e na que se recomendaba o uso do galego na escrita e na oralidade. Ademais asináronse os primeiros convenios de colaboración coa UdC. Neste último ano intentouse dotar de máis recursos humanos á Unidade Técnica, así como facela máis visible a través da web. Creáronse recursos na rede, fíxose moito traballo interno con todos os departamentos e sobre todo intentamos mellorar os convenios que temos asinados cos distintos concellos da provincia.
No que respecta á normalización na Deputación, ten pensado na liña de traballo que se vai seguir no futuro, por exemplo, haberá ordenanza lingüística, plan de normalización...?
Si, temos pensado elaborar un plan que consideramos vai ser moi útil para traballar en accións concretas cara a normalización do galego. A ordenanza non a cremos tan necesaria, xa hai unha circular que é de obrigado cumprimento por parte do funcionariado, só hai que comprometerse con ela.
En relación cos convenios que teñen asinados cos concellos, vai haber continuidade?
Si, e na proposta de bases mellóranse moitas cousas. Establecemos a duración dun ano natural, cousa que beneficia ás institucións, deste xeito os convenios renovaranse no mes de xaneiro e rematarán en decembro. Tamén se definirán as funcións dos SNL e se garantirá que o responsable técnico teña a titulación e contratación adecuada. Por outra parte ofrecerase a posibilidade de que concellos moi pequenos se poidan xuntar á hora de crear un SNL.
Os convenios actuais financian parte dos gastos en persoal técnico, pero ten previsto a súa institución facer algún tipo de seguimento do traballo que se está a levar a cabo desde os SNL municipais? Que tipo de medidas cre que se poderían tomar ao respecto?
Temos pensado pedir memorias de traballo a cada SNL, tamén a través da páxina web da Deputación poderán ir mostrando as súas iniciativas. Pensouse na idea de dar axudas para a realización de actividades normalizadoras e incluso de que nós ofertásemos unha serie de actividades nas que todos os concellos puidesen participar, pero os nosos orzamentos son limitados, e pensando en que a Xunta xa dá axudas para actividades preferiuse non tirar por aí.
En novembro do ano pasado organizaron o I Encontro político-técnico de normalización lingüística desde a administración local no Pazo de Mariñán, ao que convidaron a normalizadores e responsables políticos dos distintos concellos da provincia; tratouse dunha experiencia positiva? Que impresións lle fixeron chegar os asistentes?
Pois si que se tratou dunha experiencia moi positiva, con grande éxito de participación e da que todo o mundo quedou moi satisfeito. Creouse debate en torno á responsabilidade que os concellos teñen na normalización do idioma e compartiron experiencias entre eles. Os participantes demandaron continuidade e por iso xa estamos preparando unha segunda edición na que se cederá o protagonismo ás cidades.
Cal é a relación da Deputación da Coruña con outras institucións e organismos que teñen responsabilidades normalizadoras, Secretaría Xeral de Política Lingüística, outras deputacións, etc.? Pensouse algunha vez en establecer un traballo coordinado entre todas elas?
Pois si que se estableceron relacións con outros organismos. Con respecto ás outras deputacións, houbo algún contacto coa Deputación de Lugo e xunto coas demais participamos no Observatorio Lingüístico ao que nos convocou a Secretaría Xeral, no que se fixo unha análise da situación na que nos atopabamos cada unha. Despois coa Secretaría Xeral houbo dous encontros, un dos cales foi cando se formulou a creación do Consorcio para a Planificación Lingüística e se nos pediu colaboración. Para iso fíxose a consignación duns 60.000 € nos orzamentos de 2008 para a creación dese Consorcio. Nunca máis volvemos saber do asunto. De feito este tema tratárao directamente á secretaria xeral, Marisol López, co presidente da Deputación, sen contar cos responsables en normalización. Nós agora atopámonos cunha partida de cartos que non podemos investir en normalización. Nós cremos que a esperanza de facer un traballo normalizador coordinado pasaba pola creación do Consorcio e nel a Deputación debería apoiar aos concellos estando sempre subordinada á Xunta. Mais a Xunta non o fai así. Por outra parte estamos colaborando con outras entidades interesadas na promoción do galego, como a CTNL, empresas do sector da lingua e todo o tecido asociativo relacionado con ela.
As deputacións teñen a peculiaridade de ser administracións intermedias, onde parece que as decisións que se toman non repercuten directamente no reparto de votos, ao revés do que acontece na administración local ou autonómica; podería ser esta unha vantaxe para o traballo en canto á normalización lingüística, debido aos moitos receos que ás veces suscitan na poboación as accións normalizadoras?
Puidera ser, pero ao igual que somos unha administración intermedia e nós non somos elixidos de xeito directo, tampouco temos usuarios directos aos que dirixir as nosas accións. As deputacións, ás que sempre se opuxo o BNG, deben por agora traballar de xeito coordinado cos concellos, axudando sempre aos que máis dificultades poidan ter á hora de ofrecer certos servizos aos cidadáns e coas entidades con iniciativas sociais e culturais. Mais as competencias directas téñenas os concellos e a Xunta.
Vostede, como político con responsabilidades en materia lingüística pode ofrecernos dous puntos de vista, xa que forma parte do goberno na Deputación e da oposición no concello da Laracha, é tan fácil poñer en marcha medidas a prol da normalización do galego cando se está no poder como parece cando se piden desde a oposición?
Si, é moi interesante ter os dous puntos de vista, porque cando gobernas ves que as cousas non son tan fáciles de facer como cando se piden desde a oposición. O que pasa é que os contextos son diferentes, así como na Laracha non vexo oposición por parte da poboación á hora de normalizar, na Deputación non acontece o mesmo.
Máis de política e lingua, o profesor Anxo Lorenzo, no último foro de debate sobre Sociedades plurilingües que organizou o Consello da Cultura Galega, afirmou que para mellorar a saúde do idioma era necesario que este non formase parte do debate partidario; está de acordo con iso ou cre que esta é xa unha batalla perdida?
Para nós seria o ideal. Nós sempre nos mantivemos na mesma posición. Outros partidos parecen que avanzaron nas súas posicións, aínda que lles custe levalo á práctica. O PSdG debería mostrarse firme na defensa do idioma, e actuar en consecuencia desde as súas responsabilidades de goberno, por exemplo, co cumprimento do decreto de educación. Outros dedícanse a opoñerse a medidas que pouco antes aprobara o Parlamento por unanimidade. Non se poden aprobar normas un día e despois ao outro crear plataformas que se opoñen frontalmente a elas. Sería bo que o PPdG non asinase o manifesto pola lingua común como fixo o PP catalá e que tivese unha posición clara en defensa do seu idioma como a teñen aqueles. Ademais, estou seguro que a maioría dos políticos galegos do PP non asinarían individualmente ese manifesto, só moi poucos defenderían esa postura.
David Cobas Medín é socio da CTNL e técnico de normalización lingüística do Concello da Laracha