CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Máis alá


6485 votos
Votar | | | |


03-09-2008

De observatorios e consorcios

OPINIÓN: por Isabel Vaquero Quintela

Isabel Vaquero Quintela
O 27 de decembro de 2006 a SXPL resolvía un concurso licitado tres meses antes por un importe próximo aos 300 mil euros, a prol da consultora madrileña Estrategia y Organización S.A. Ano e medio máis tarde, a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou o Observatorio da Lingua Galega, así como os primeiros resultados dos seus estudos, que semella se van prolongar cando menos durante este mesmo ano 2008.


O Observatorio da Lingua Galega (OLG) analiza oito grandes ámbitos da sociedade galega, buscando a concomitancia cos establecidos no Plan xeral de normalización da lingua galega (administracións públicas, educación, medios de comunicación, economía e empresa, sanidade, cidadanía, tecido asociativo e telecomunicacións).

Concordo co presidente d’A Mesa, Carlos Callón, en que non foi por falta de datos a inoperancia da SXPL ata agora. Temos un plan de normalización da nosa lingua que parte dun diagnóstico, e o plan de actuacións, mal que ben (sen responsables de execución, sen orzamentos, sen priorización, sen indicadores, etc.), velaí o está dende 2004: para executalo.

Volvendo ao OLG, os seus obxectivos pódense resumir en un: medir o impacto normalizador da execución do Plan xeral de normalización lingüística. E para iso cómpre ter uns datos de partida que sexan comparables e coherentes con outros posteriores, alén de -enténdaseme ben- impresións (probablemente certeiras), estudos dispersos e incoherentes entre si (aínda que necesarios e útiles en si mesmos) ou casuísticas que impactan na opinión pública e que convén seguir sacando á luz para que as luces e sombras de todo proceso normalizador se distingan con claridade.

Dende ese punto de vista, pola miña banda, nada que obxectar a que se gasten 300 mil euros (uns 50 millóns das antigas pesetas) do orzamento público no OLG. Paréceme bastante menos rendible gastar un millón de euros nunha campaña publicitaria pura e dura. Iso si, a ferramenta ten que ser rigorosa, científica na súas bases metodolóxícas e na súa aplicación. Non vou seguir tirando por aí, aínda que penso alguén debería facelo...

Como nos propios documentos do OLG se recoñece (vid. Por exemplo, Informe da Administración, páx. 28) a metodoloxía seguida inspírase nunhas ferramentas que se aplican en Cataluña dende hai anos, como o Indexplà. Lembrades, compañeiros e compañeiras, aquel primeiro curso de dinamización lingüística que organizou a CNTL en abril de 1997? Daquela Toni Mataix e Assumpta Escolá, técnicos do Consorci, explicáronnos que o Indexplà o é un instrumento técnico no marco da xestión lingüística.

A xestión lingüística é unha metodoloxía de traballo para modificar os usos lingüísticos de organizacións sociais e de empresas a través de plans lingüísticos. Así como os usos institucionais deben fundamentalmente regularse -e apoiarse con recursos-, e son os poderes públicos os que fixan os obxectivos, os das organizacións sociais e de empresas só se poden mudar dende o convencemento e a vontade de cada unha delas, que propoñen e asumen os seus propios obxectivos. É dicir, a xestión lingüística pertence ao ámbito da dinamización e responde ao compromiso particular de cada organización.

Xa que logo, unha organización coñece o diagnóstico da súa situación lingüística a través do Indexplà e fixa os obxectivos a que quere chegar; proponse un plan individualizado para esa organización (diagnóstico, definición de obxectivos, deseño de actuacións, secuencialización e temporalización, indicadores e métodos de avaliación). Posteriormente, cómpre executar o plan lingüístico, mediante actuacións de sensibilización, de xestión, e prestación de servizos (asesoramento lingüístico, formación específica). E finalmente, avalíase co Indexplà se se avanzou na normalización lingüística desa organización e se se cumpriron os obxectivos.

Quen se encarga en Cataluña de implementar os traballos de xestión lingüística (contacto coas organizacións, negociacións, deseño de plans, execución, avaliación)? Quen se encarga de facer o seguimento e as observacións directas* que alimentan o Indexplà? Técnicos e técnicas de normalización lingüística especializados/as, coordinados no Consorci per a la Normalització Lingüística, “un ente creado a partir da vontade común da Generalitat e de numerosos concellos, consellos comarcais e deputacións co obxectivo de facilitar o coñecemento, uso e divulgación do catalán en todos os ámbitos”. Conta cuns 120 centros territoriais, algúns deles con varias sedes, nos que traballan en asesoramento, formación e xestión lingüística ben máis de 200 técnicos e técnicas, “un equipo humano especializado“. Tampouco en Euscadi son alleos á necesidade de contar con recursos especializados, e existe unha rede integrada por 156 servizos de promoción do eusquera na sociedade.

Esa foi a fonte principal en que a CTNL se inspirou para propoñer en 1998 (en novembro fará 10 anos!!!) unha organización de servizos lingüísticos para o noso país, para mellorar a coordinación, a eficacia e a eficiencia no traballo respecto ao acadado coa estrutura existente ata agora. Esta nosa proposta foi o piar dunha actuación que ía acometer a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a creación do Consorcio de Planificación Lingüística. Unha iniciativa frustrada agora pola propia SXPL.

Temos un bonito plan de normalización lingüística para o galego. Temos os resultados dun novo diagnóstico por sectores que nos fornece máis datos. Agora xa podemos avaliar o impacto da execución do PXNL... se é que algún día se chega a executar, algo que non depende só da SXPL, senón de que se asuma transversalmente no goberno.

Executar o PXNL implica verdadeira vontade política e unha verdadeira estrutura técnica. Cómpre lexislar e regular, mais tamén cómpre sachar nas leiras da dinamización. É indispensable percorrer e coñecer cada recuncho do país, adaptarse ás características de cada asociación, de cada empresa; saber das posibilidades e dos atrancos, negociar, propoñer, executar, facer seguimento... A estrutura técnica do país para semellante obra é escasa e feble dende todos os puntos de vista: organizativo, de coordinación, de dirección e directrices políticas... Todas estas carencias provocan ineficacia e ineficiencia dos recursos públicos que se invisten en normalización lingüistica -na CTNL levamos anos e anos denunciándoo-, e ademais, precariedade e inestabilidade de servizos e de técnicos/as.

Malo é que a execución do PXNL dende a súa aprobación -catro anos- sexa ínfima, mesmo durante os tres anos de bipartito. Peor é que coa negativa da SXPL a impulsar a creación do Consorcio se vai empecer a acción en política lingüística do vindeiro goberno.

Tácticas partidistas contra o socio de goberno que se dedica a montar consorcios; prudencia desmesurada perante o clima social creado por Galicia Bilingüe e os seus compañeiros de andaina que levan á paralización (Conflitos non, pax lingüística!, coma noutros tempos...); lealdade mal entendida cara ao socio de goberno (non conveñen liortas a estas alturas do xogo... cando menos por este tema). Sexa cal for a razón, o goberno galego está a ser moi irresponsable coa saúde e co futuro da nosa lingua.


* Obsérvese a diferenza coa metodoloxía seguida no OLG. A análise cuantitativa fíxose mediante enquisas telefónicas de 15 minutos para coñecer opinións dos entrevistados sobre os ítems propostos.


Isabel Vaquero Quintela é técnica de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e socia fundadora da CTNL [+info]

LIGAZÓNS:


Ligazóns relacionadas


Artigo "De observatorios e consorcios" en .pdf [177 Kb]

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021

Avisos

    mes anterior
    Outubro de 2021
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
            1 2 3
    4 5 6 7 8 9 10
    11 12 13 14 15 16 17
    18 19 20 21 22 23 24
    25 26 27 28 29 30 31
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • Gústame... o galego
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Axenda da lingua
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego