CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Máis alá


11612 votos
Votar | | | |


10-09-2008

Os pes do consorcio

Opinión: por Valentín García Gómez

Valentín García Gómez
Moito e ben se ten falado nesta páxina da nosa CTNL sobre os consorcios que puidemos albiscar non hai moito tempo. Consideramos que para nós é o máis importante actualmente, e así polos calores do verán, viñéronme á cabeza varias causas, que moitas veces non son contempladas como eixes principais do seu funcionamento, pero polas que a figura dun consorcio de planificación lingüística se nos fai tamén moi necesaria agora mesmo, xusto nos tempos que corren e coas cousas que ocorren.


Curiosamente moitas delas comezan por “p”, e con elas xoguei un pouco a dar pinceladas, cun incerto aire de polca, tocada ao meu xeito, pois é ritmo da seitura e tamén de festas e romarías estes días en todas as parroquias de Galicia.

Van xa alá dez anos da reivindicación por parte dos profesionais da normalización lingüística dun ente que nos planifique, coordine e en definitiva axude, algo tan difícil, que segue sen facerse realidade. A constitución do consorcio, é algo que temos todo o dereito de reivindicar despois de tempo traballando nos distintos servizos lingüísticos do país, “inventando” o noso futuro día a día, con moitos máis atrancos ca medios, e aínda así fixemos avanzar un proceso normalizador que para terse desenvolvido nestas condicións, nos ten dado a satisfacción de importantes logros.

Esta traxectoria, eu creo que exemplar, -e pola parte que máis coñezo, non debo pasar sen reivindicar o alto grao de normalización alcanzado pola Administración Local- facúltanos sobradamente para solicitar da Xunta de Galicia un medio que nos permita abordar os tempos vindeiros con efectividade e garantías no noso traballo, e aí xorde o consorcio, a ferramenta de deseño amplo que coa participación de entidades de procedencia e natureza distinta, aglutine e guíe o proceso normalizador en todos e cada un dos diversos aspectos que debe abordar.

Aquí vénme á cabeza o primeiro “p”, o da Planificación, que será froito da diagnose previa e do traballo de distintos expertos que nos darán as claves de onde cando e como actuar en cada unha das unidades territoriais que haberá que situar estratexicamente polo país adiante. Vai haber traballo arreo, e bateremos con luces e con sombras, pero é que nisto sábese pouco pois pouco se ten feito, pero o camiño fíxose para ser andado, ou non?.

Tamén nos fai falta o consorcio para ter un Posicionamento común sobre a forma de traballar e os cambios sociais, económicos ou estruturais que van afectar ás distintas políticas lingüísticas que haberá que aplicar en cada momento. E aquí, aínda que ás veces poida non parecelo, tamén hai moito que facer. Estamos moi necesitados de argumentos sólidos, modernos e actualizados dos que botar man ante movementos ou políticas en contra do noso proceso. Os nosos argumentos non se poden quedar nos de sempre. Nin á cidadanía nin a nós nos van valer os mesmos de hai vinte e cinco anos.

A Proximidade, vai ser outro dos factores que xogue ao noso favor. A implantación de servizos e a presenza de unidades espalladas por cidades, vilas, concellos, comarcas, etc., será valorada por parte dos usuarios (practicamente a totalidade da poboación). Haberá que buscar o xeito de estar aí onde se necesite a acción especializada do consorcio “a pé de obra”. Non se pode deixar que se perciba como unha estrutura máis dentro da macroestrutura administrativa. Temos que buscar a implantación territorial como algo preferente, aínda que isto vaia supoñer un esforzo engadido por parte dos responsables, traballadoras e traballadores.

Outra constante dende os nosos principios é o Prestixio do proceso normalizador, e aínda que neste eido levamos andado bastante, grazas outra vez á actitude e profesionalidade do colectivo de compañeiros e compañeiras, que cunha formación, capacidade de traballo e profesionalidade con tan poucos límites como axudas, conseguiron que falar de normalizadores lingüísticos en Galicia sexa falar de profesionais con boa cualificación e aptitude, aínda que non necesariamente se corresponda con altamente remunerados ou laboralmente recoñecidos, e aquí tamén ten un gran labor que facer o consorcio. Debe aspirar a integrar e Profesionalizar en gran medida aos traballadores e traballadoras do colectivo.

Os novos tempos, e os acontecementos aos que recentemente estamos asistindo, van facer que precisemos Protección, no sentido no que os servizos lingüísticos, actuando de forma individual e dispersa, tamén somos moito máis vulnerables á hora de cuestionar ou mesmo atacar as nosas accións. Non é o mesmo estar todos xuntos e agrupados, con directrices e estratexias concretas, que cada quen polo seu sitio. Rematou a “Pax lingüística”, e abriuse unha miserablemente chamada “guerra das linguas”, que nos vai afectar directamente xa, e cando menos durante as inminentes e varias precampañas electorais que nos agardan. Avecíñansenos multitude de titulares e acusacións cruzadas sobre usos e abusos lingüísticos, arteiramente utilizados pola arte da política. Por agora non sabemos o que durará, pero mellor sería que esta treboada nos pillase ao enxoito, baixo unha entidade forte que nos xunguise.

Estas son unha poucas das ideas -con “p”- que se me ocorreron no mes de agosto. Moito queda por dicir do consorcio que todas e todos agardamos, e moito máis se podería escribir, pero queda para outra xeira. Neste labor continuaremos. Mentres, quédanos algúns valores que caracterizan a toda a parroquia dos que na normalización da lingua andamos: perseveranza, profesionalidade e proxección cara un futuro de prosperidade e ventura para o noso idioma.


Valentín García Gómez é técnico de normalización lingüística no Concello da Estrada e foi presidente da CTNL.

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Marzo de 2024
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
            1 2 3
    4 5 6 7 8 9 10
    11 12 13 14 15 16 17
    18 19 20 21 22 23 24
    25 26 27 28 29 30 31
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Instagram da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Proxector
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego