18-09-2008A Deputación da Coruña aproba un programa de cooperación por tres anos para os servizos de normalización lingüística municipais
A entidade provincial colaborará coa creación e mantemento de SNL nos concellos da Coruña durante o trienio 2009-2011, para o que investirá preto de dous millóns de euros. Este programa da Área de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no pleno da Deputación recolle as principais propostas feitas pola CTNL.
Segundo as bases aprobadas poden solicitar a súa inclusión neste programa todos os municipios da provincia da Coruña de menos de 50.000 habitantes, individualmente ou agrupados. A
institución provincial destinará 12.000 euros anuais para colaborar no mantemento de cada un dos servizos de normalización lingüística que funcionen a xornada completa e 6.000 euros para aqueles que opten por dispor deste servizo cunha dedicación de media xornada. O investimento total durante os tres anos de aplicación do programa será de 1.874.400 euros.
Convenios por tres anos, SNL para intervir en todos os ámbitos do termo municipal e contratacións xustasNas bases aprobadas por unanimidade no pleno e que se publicarán proximamente no
BOP da Coruña recóllense as principais propostas que desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) se lle trasladaron á Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.
Deste xeito, a colaboración da Deputación cos concellos para o mantemento dos SNL será por un prazo de tres anos, do 1 de xaneiro de 2009 ao 31 de decembro de 2011, polo que as entidades municipais poden planificar mellor a medio prazo a prestación deste servizo e as accións a implementar.
Ademais, nas propias bases do programa recóllese que o obxectivo dos SNL será o de incrementar o uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos do termo municipal, non só no seo da propia administración, e especifícanse cales deben ser as súas funcións: asesorar á administración en todo o relacionado coa política lingüística; velar pola cumprimento da lexislación; planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua galega no ámbito de influencia da entidade; promover e coordinar redes de traballo; planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, para a poboación en xeral ou para sectores concretos; mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración; coordinarse coa Deputación e outros concellos para planificar e executar accións de normalización; etc.
Con respecto á titulación, categoría laboral e contratación, as bases sinalan que os SNL deberán contar, cando menos, cun/ha especialista titulado/a superior en lingua galega: licenciado/a, en Filoloxía Galego-Portuguesa, en Filoloxía Galega ou en Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), ou titulado/a en calquera outra licenciatura sempre que posúa o Celga 5. A súa categoría profesional será a de técnico/a de normalización lingüística. A súa contratación farase mediante un proceso selectivo no que se avalíen os coñecementos e as capacidades reais e prácticas das persoas candidatas para o desenvolvemento das funcións do posto de traballo respectando, en todo caso, os requisitos de igualdade, mérito e capacidade do candidato ou candidata.
59 concellos xa incluídos no programaOs 59 concellos xa incluídos no programa son: Abegondo, Ames, Aranga, Arteixo, Arzúa, A Baña, Betanzos, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Cee, Cerceda, Coirós, Corcubión, Culleredo, Dodro, Dumbría, Fene, Fisterra, Irixoa, Laracha, Lousame, Malpica de Bergantiños, Melide, Mesía, Miño, Monfero, Muros, Muxía, Oleiros, Oroso, Ortigueira, Outes, Paderne, As Pontes, Ponteceso, Pontedeume, Ribeira, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiso, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Val do Dubra, Valdoviño, Vedra, Vilasantar, Vimianzo e Zas.
Presentación e explicación do programa no II Encontro de política lingüística desde as administracións locais da CoruñaO deputado responsábel da Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, o nacionalista
Xoán Sande, xunto co interventor adxunto, Juan Bautista Suárez, presentarán e explicarán este programa no
II Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña, que terá lugar o 22 de outubro no Pazo de Mariñán, organizado pola propia Deputación da Coruña coa colaboración e xestión da CTNL.