16-03-2009A CTNL proporalle á Xunta, deputacións e Fegamp o desenvolvemento de proxectos necesarios para a normalización lingüística

A Asemblea Xeral da CTNL que tivo lugar o venres 13 de marzo acordou tamén por unanimidade traballar co conxunto do movemento normalizador para renovar e actualizar o argumentario de defensa e promoción da lingua galega e para que o futuro goberno galego recúe nas súas anunciadas intencións de paralizar diversos proxectos de importancia para a normalización lingüística.
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria de 2009 o venres 13 de marzo en Santiago de Compostela, na que participaron un bo número de socias e socios, e na que se aprobaron por unanimidade as liñas de acción da asociación para o período interasemblear 2009-2010.
As liñas aprobadas inclúen accións para o cumprimento dos fins da asociación e algúns obxectivos e accións organizativas.
RENOVACIÓN DO ARGUMENTARIO E TRABALLO EN DEFENSA DA LINGUA CO CONXUNTO DO MOVEMENTO NORMALIZADORAnte a nova situación política e os proxectos anunciados para a lingua polo futuro goberno galego, a CTNL márcase como obxectivos estratéxicos para este ano traballar conxuntamente co resto de colectivos e sectores implicados na defensa e promoción da lingua galega para que o futuro goberno galego recúe nas súas anunciadas intencións de paralizar diversos proxectos de importancia para a normalización da lingua galega (Galescolas, Decreto 124/2007 de uso e promoción do galego no sistema educativo, cuestións lingüísticas na Lei da función pública, na Lei de subvencións, etc.), ademais de colaborar co conxunto de colectivos e sectores implicados na normalización lingüística para renovar e actualizar o argumentario de defensa e promoción do galego.
PROPOSTAS A DIVERSAS ENTIDADES PARA O FOMENTO DO USO E PRESTIXIO DA LINGUA GALEGADesde a CTNL proporánselle a diversas entidades o desenvolvemento de proxectos e accións necesarias para o fomento do uso e prestixio da lingua galega. Á Xunta de Galicia solicitaralle, ademais do cumprimento do aprobado por unanimidade Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), melloras concretas no desenvolvemento e xestión de diversas accións, como convocatorias de subvencións ou cursos de galego, ou o impulso e coordinación dos distintos SNL.
A entidade que agrupa aos traballadores/as de normalización lingüística proporalle tamén ás deputacións de Lugo, Ourense e Pontevedra a posta en marcha dun plan de impulso dos SNL municipais, semellante ao desenvolvido desde a Deputación da Coruña, e á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que desde esa entidade se fagan propostas para o impulso da lingua galega desde as administracións municipais.
DEFENSA DOS INTERESES XERAIS DOS TRABALLADORES E DAS TRABALLADORAS DA LINGUAA CTNL continuará co plan de actuación ante as convocatorias de prazas e contratacións para os servizos lingüísticos das administracións públicas, con actuacións ante procesos selectivos que non garantan os criterios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade; solicitará melloras concretas das condicións de determinados postos de traballo en normalización en distintas entidades; e realizará informes e propostas sobre a situación dos/as traballadores/as da lingua.
FORMACIÓN CONTINUA E DIFERENTES ENCONTROSNeste ano, desde a CTNL organizaranse diversas accións formativas dirixidas a todas aquelas persoas que, dun ou doutro xeito, traballan pola normalización da lingua galega. Así, está prevista a organización dalgúns cursos como de avaliación de accións de normalización, de ferramentas multimedia, de deseño e implementación de campañas ou unha xornada ou obradoiro para traballar o argumentario para a normalización da lingua.
E, ademais de procurar novas colaboracións e novos puntos de encontro, proporá a continuación e colaborará na organización doutras accións como o IV Curso de verán de dinamización lingüística da Universidade da Coruña, o III Encontro de política lingüística desde as administración locais da Coruña, ou os XII Encontros para a normalización lingüística do Consello da Cultura Galega.
REFORZO ORGANIZATIVO E MAIOR VISIBILIDADE DO COLECTIVOA CTNL, que nos dous últimos anos duplicou o seu número de socias e socios, procurará reforzarse organizativamente, e tamén darlle maior visibilidade ao colectivo.
Continuará co servizo de información sobre o proceso de normalización da lingua galega que ofrece a través dos seu sitio web (www.ctnl.org), procurará o incremento de materiais publicados nese espazo e procurará tamén a posta en marcha de novos espazos e canles de comunicación a través de redes sociais e novas ferramentas. Ademais, traballará para mellorar a difusión dos seus posicionamentos e das accións a prol da lingua galega.
NOVOS/AS SOCIOS/AS E RENOVACIÓN NA DIRECTIVANa Asemblea Xeral Ordinaria da CTNL tamén se aprobou a incorporación de 47 novos/as socios/as e ratificáronse cinco baixas (na actualidade a entidade conta con preto de 200 socios/as); aprobáronse por unanimidade os informes de xestión e de contas e aprobouse a incorporación á directiva como vogal de Nuria Seoane Bouzas (técnica do SNL do Concello da Coruña), tras a renuncia de Rosario Pérez Magdalena (técnica do CDSG do Consello da Cultura Galega) logo de moitos anos entregada ao traballo na asociación.
O resto da Xunta Directiva mantense con Nel Vidal Barral como presidente; Xusto A. Rodríguez Río como secretario; Anxos Sobriño Pérez como tesoureira; e Rosa Moreiras Cuñarro, Dores Sánchez Alegre, Concepción Diéguez Diéguez, Iván Méndez López e Roberto Rielo Iglesias como vogais.