27-07-2009O curso de verán «Traballando en lingua» conclúe que cómpren novos discursos modernos, claros, rigorosos e integradores para a promoción do galego
Conclusións e materiais do V Curso de verán "Traballando en lingua"
Entre as conclusións do curso sinálase que a promoción do galego «debe ligarse con valores sociais positivos, coa construción da xustiza social» e que «o discurso e a acción en política lingüística non pode depender de opcións políticas nin resultados electorais e ten que procurar unha identificación do idioma que nos vincule, colectivamente e por consenso, como galegas e galegos». Xa se poden consultar tanto os diferentes materiais como as conclusións do curso.
O V Curso de verán «Traballando en lingua»,
Do compromiso individual aos argumentos, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e o Concello de Carballo, que tivo lugar entre o 15 e o 17 de xullo, afondou na necesidade de construírmos novos discursos sobre a(s) lingua(s) desde diferentes metodoloxías e enfoques, e agora
fanse públicas tanto as conclusións xerais ás que se chegou como as conclusións dos diferentes grupos de traballo e outros materiais.
Deste xeito, a organización e as persoas participantes sinalan que «cómpre dotar os discursos sobre a lingua de novos argumentos, imaxinativos, modernos, claros, rigorosos, integradores, coherentes, firmes e conciliadores» e que «é preciso elaborarmos un abano de argumentarios dirixidos aos diversos grupos sociolingüísticos existentes na complexa realidade galega».
Nos quince puntos que constitúen esas conclusións sinálase, por exemplo, que a promoción do galego «debe ligarse con valores sociais positivos, coa construción da xustiza social» e coas «teses mantidas polo ecolingüismo». Tamén se reclama das administracións públicas e das institucións «que cumpran o papel emisor que lle outorga o marco legal vixente e, xa que logo, que retomen e difundan o discurso normalizador».
Con respecto ao ensino, o curso concluíu que se detecta «a necesidade de o galego se constituír na lingua vehicular dunha parte substancial das materias e é unánime a consideración positiva deste feito»; ademais, «é xeral a oposición a unha segregación do alumnado por razón da lingua, unha opción que se xulga inmotivada e que contradí tanto a lexislación como os criterios académicos e pedagóxicos». Así, «reclámase a estabilidade do ordenamento lexislativo de que depende o sistema educativo».
Nas conclusións do curso tamén se esixe da clase política que «o discurso e a acción en política lingüística teña estabilidade a longo prazo e que non dependa das opcións políticas que estean a gobernar, nin de resultados electorais para, deste modo, procurar unha identificación do idioma que nos vincule, colectivamente e por consenso, como galegas e galegos».
Tanto as conclusións xerais do curso, como as dos diferentes grupos de traballo, así como os textos dos diferentes relatorios, están ao dispor de todas as persoas interesadas tanto no
web do SNL da Universidade da Coruña (www.udc.es/snl) como no da CTNL.
TODOS OS MATERIAIS TAMÉN NO WEB DA CTNLTamén neste mesmo web da CTNL (
aquí) están publicadas as conclusións, tanto as xerais como as dos diferentes grupos de traballo, así como os relatorios de Miquel Strubell, Luís Villares Naveira, Pilar Freitas, Iolanda Gomis e Goretti Sanmartín.
FOTOS NA PÁXINA DA CTNL EN FACEBOOKNa páxina da CTNL en Facebook publicouse tamén unha
reportaxe fotográfica do curso.