10-12-2009I Simposio Internacional "Ecolingua 2009"
O Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) organiza o I Simposio Internacional Ecolingua, que terá lugar os vindeiros días 17, 18 e 19 de decembro no Centro Social Caixanova de Vigo e no que se analizará a realidade lingüística galega e se darán a coñecer modelos e políticas lingüísticas doutros ámbitos.
Durante tres días medio centenar de especialistas participarán en máis de vinte conferencias e mesas redondas, nas que se analizará a realidade lingüística galega e se darán a coñecer modelos e políticas lingüísticas no ámbito do Estado e no plano internacional.
Por unha banda, farase unha diagnose sobre a situación lingüística galega en ámbitos como os medios de comunicación, a xustiza e a administración, o ensino, as institucións, o mundo da empresa, as culturas emerxentes ou a sociedade civil. Plataformas implicadas no actual debate lingüístico e institucións como a Real Academia Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consello da Cultura Galega ou as universidades galegas tomarán parte no simposio, no que, segundo a organización, “é unha aposta, non só polo rigor científico do evento asegurado cos/coas especialistas convidados/as, senón tamén pola pluralidade de opinións que contribuirán a enriquecer o debate e as conclusións do Ecolingua 2009”.
Por outra banda, a análise comparada doutras realidades plurilingües do Estado e do mundo ocuparán unha parte importante dos relatorios cos que se darán a coñecer os casos do Quebec, Finlandia, Gales, Luxemburgo e das linguas eslavas, mentres que especialistas de Cataluña, Euskadi, Valencia e Madrid analizarán o contexto español. A lusofonía terá tamén un apartado especial que será abordado por especialistas portugueses e brasileiros, xunto co avance do documental de Carlos Núñez “Brasil somos nós”.
O Simposio Internacional Ecolingua 2009, organizado polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), conta coa colaboración do Concello de Vigo, de Caixanova e da Universidade de Vigo. O prazo de inscrición remata o 16 de decembro e o importe desta é de 30 euros, 15 euros no caso de estudantado das tres universidades.
As conclusións do Simposio serán presentadas o sábado 19 de decembro por Margarita Ledo e a clausura correrá a cargo do presidente do IGEA, Anxo Quintana.
- Prazo de inscrición: até 16 de decembro.
- Prezo da inscrición: 30 euros (15 euros o estudantado das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago).
Ingreso na conta: Caixanova 2080 – 0151 – 12 – 0040029042 (indicando nome e apelidos e coa referencia “Ecolingua 2009”)
- Está solicitado 1 crédito de libre elección para o alumnado das Universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.
- Organiza: Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA). www.igea.eu.com
- Colaboran: Concello de Vigo, Universidade de Vigo e Caixanova.
Programa e información completa, aquí.