12-12-2009A Libraría Pedreira, Localia Santiago e a tenda de lambonadas Pecados, premios Manuel Beiras 2009
O Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio da capital galega concederon os X Pemios Manuel Beiras, que teñen como finalidade recoñecer o esforzo que realizan as empresas do municipio no proceso de normalización do uso e prestixio da lingua galega. Os galardoados: Pecados, Localia Televisión Santiago e a Libraría Pedreira.
O
premio conta con tres categorías: empresas que veñan realizando un uso continuado do galego; empresas que se incorporaran recentemente ao seu uso e unha distinción especial a unha persoa ou entidade pola súa contribución á loita da normalización da lingua galega no mundo empresarial.
A
tenda Pecados recibiu a distinción dentro da categoría de
Incorporación ao uso do galego. Trátase dun estabelecemento comercial de venda de doces e lambetadas situada na praza do Toural. Dende o seu nacemento en xaneiro de 2009, sumou á iniciativa emprendedora o valor engadido de apostar pola utilización da lingua galega no seu ámbito de negocio, ademais de destacar pola súa orixinalidade e creatividade.
Na categoría de
Uso continuado da lingua galega, alzouse co galardón
Localia Televisión Santiago, pola súa aposta como medio de comunicación local polo emprego do uso do galego (estudos na rúa Nova, 32).
Finalmente, a
Distinción especial recaeu na
Libraría Pedreira (rúa do Home Santo, 55), e na persoa do seu titular,
Antón Pedreira, tanto pola súa longa traxectoria a nivel empresarial como persoal en potenciación da cultura e da lingua galega. Este estabelecemento abriu as súas portas en 1981 cunha clara vocación para a defensa e divulgación da cultura galega. Demóstrao coa participación nas diversas feiras do libro, tanto de ámbito nacional como internacional, participando tamén na edición de libros e revistas de carácter local.
Todos os anos organiza un programa de actividades culturais dentro do marco da libraría, presentacións e a sinatura de libros diante dos medios, ademais de lecturas, conta contos, recitais de poesía, charlas...
O proprietario,
Xosé Antón Pedreira, foi o presidente da Agrupación de Libreiros de Santiago de Compostela e comarca, e director-organizador da Feira do Libro de Santiago de 1996 a 2005. É colaborador habitual de varios medios de comunicación, mantendo en todos un programa dedicado ao mundo do libro. É, ademais, director xeral do
Club Baloncesto Rosalía.
O premio ten un contido simbólico e non supón ningunha prestación económica. O motivo de premiar ás empresas radica en que son un sector económico de capital importancia para conseguir a normalización do idioma na vida cotiá. As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma galego. De maneira simbólica, os premiados recibiron unha escultura de Acisclo Manzano deseñada, en exclusiva, para estes premios.