CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

CTNL


15160 votos
Votar | | | |


09-11-2010

A CTNL considera moi grave e irresponsábel a promesa electoral do PP de Pontevedra de prescindir do Servizo de Normalización Lingüística, e pídelle unha rectificación pública

Pontevedra
Comunicado da CTNL en resposta á promesa electoral de Telmo Martín, candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, de prescindir do Servizo de Normalización Lingüistica. Desde a CTNL consideramos esta promesa un ataque á lingua, polo que pedimos unha inmediata rectificiación pública


O pasado venres, 5 de novembro, o Diario de Pontevedra recollía as declaracións do candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, Telmo Martín, nas que afirma que, no caso de chegar ao goberno do Concello, prescindiría do departamento de Normalización Lingüística.

Desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) acollemos estas declaracións con fondo pesar e con preocupación ao considerar que son un ataque directo á lingua galega, un desacato da lexislación lingüística e unha actitude impropia nunha persoa que aspira a ser alcalde dunha cidade galega, polo que pedimos unha inmediata rectificación pública.

Non queremos entrar no debate subxectivo do que se pode considerar prioritario no servizo que a Administración pública do século XXI debe ofrecerlle á cidadanía dentro dunha sociedade desenvolta. Alén disto, só nos queda entender que o señor Martín pronunciou esas palabras con total descoñecemento da responsabilidade que a Administración local ten de promover a lingua galega e de garantir os dereitos lingüísticos.

Deste xeito, desde a CTNL queremos lembrarlle que o Estatuto de autonomía de 1981, ademais de recoñecer o galego como a lingua propia de Galicia, estabelece, no artigo 5, que os poderes públicos «potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e disporán dos medios necesarios para o seu coñecemento». Se a lingua galega non fose un asunto prioritario para o noso país, seguramente non figuraría nos primeiros capítulos da súa norma de máximo nivel legal.

Con base no Estatuto, en 1983 o Goberno galego aprobou a Lei de normalización lingüística, que estabelece que «os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns» (artigo 6.3) e que «o Goberno galego e as corporacións locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras» (artigo 25).

Se os extractos legais citados, en vez de referirse ao fomento da normalización da lingua falasen de promover a igualdade da muller, a conservación do medio natural, a prestación de servizos sociais ou a atención e prevención das drogodependencias, consideraría alguén que non son necesarios?, podería prescindir un alcalde deles?; habería algún xeito de poñelos en práctica que non fose a través de servizos especializados dotados de persoal cualificado e formado para ese labor concreto?

Alén destas leis, en 1984 máis de cen concellos asinaron un documento de compromiso que pasou á historia como Declaración dos alcaldes galegos reunidos en Santiago de Compostela. Esta declaración recollía, entre outras medidas que se poñerían en práctica, a «creación dun servizo de normalización lingüística, encargado de asesorar e executar a política lingüística ad intra e ad extra da Corporación». Desde aquela, a andadura dos concellos galegos no camiño da normalización ten dado pasos desiguais, pero o traballo con mellores resultados, independentemente da cor política dos gobernos, foi o que se baseou na creación de servizos de normalización, dotados con recursos humanos e económicos, para o desenvolvemento das accións necesarias para promover a normalización do galego, a igualdade de dereitos e a xustiza social, dentro e fóra da Administración local. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra leva traballando para iso, sen interrupcións, desde 1999.

Así, desde a CTNL lembrámoslle que aspirar a dirixir o futuro de 85.000 dos máis de 2 millóns e medio de galegas e galegos, esixe un fondo exercicio de responsabilidade que abrangue o coñecemento das leis e da situación da sociedade galega en todo o seu conxunto e sobre todos os aspectos. Non serve, pois, atender só as áreas que son preferencia persoal do candidato ou estratexia electoralista do seu partido, e desprezar o resto de áreas ás que debe atender calquera goberno local. Nesta liña, recomendámoslle ao señor Martín, ao seu equipo e ao seu partido, que repasen tamén a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias que o Goberno español ratificou en 2001, durante a presidencia de José María Aznar, e coa que se asumiron os compromisos máis altos que nela se estabelecen, moitos dos cales implican á Administración local e ás funcións dos servizos de normalización lingüística.

Desde a CTNL preguntámoslle tamén ao presidente do Partido Popular e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se esta promesa electoral de prescindir dos servizos de normalización lingüística está asumida pola súa organización para o conxunto do país –cuestión que sería moi grave e irresponsábel e que racharía unilateralmente moitos acordos–, ou se é unha promesa persoal de Telmo Martín, caso en que desde a súa organización o deberían desacreditar.

Para rematar, queremos deixar constancia de que traballar para a normalización da lingua galega desde a Administración local é unha tarefa que transcende o ámbito da propia administración e da lingua, xa que se fundamenta nas sinerxías de cooperación e interacción social. A responsabilidade da normalización da nosa lingua, alén dos mandatos legais, depende do compromiso consciente e individual da cidadanía, mais tamén da sensibilidade, da sensatez e da formación das nosas e dos nosos dirixentes políticos/as.

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Outubro de 2024
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
      1 2 3 4 5 6
    7 8 9 10 11 12 13
    14 15 16 17 18 19 20
    21 22 23 24 25 26 27
    28 29 30 31    
    Próximos eventos

      • Asociate á CTNL
      • Agasallo. Propostas de regalos en galego
      • LGx15
      • Premios Mil Primaveras
      • Viveiro de propostas normalizadoras
      • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
      • Envianos
      • Canles de novas da CTNL
      • Facebook da CTNL
      • Twitter da CTNL
      • Instagram da CTNL
      • Kit para a normalización en rede
      • Proxector
      • Queremos Galego
      • Eu.gal: Por un dominio galego