04-03-2011Atopando Compostela. Xogo educativo sobre a toponimia da capital galega
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela presentou “Atopando Compostela”, un xogo educativo sobre a toponimia da capital galega dirixido á educación secundaria co afán de que a rapazada se familiarice cos nomes propios dos lugares do municipio
O Departamento de Lingua Galega do municipio santiagués cre que o estudo dos nomes de lugar é unha parte importante do noso acervo cultural. Por iso é importante impulsar os traballos dedicados á súa conservación, divulgación e investigación. Neste cometido xogan un papel fundamental os profesionais do ensino, que poden fomentar o xogo como un modo lúdico e pedagóxico para que os rapaces e as rapazas sexan conscientes da toponimia e da onomástica persoal e isto, pola súa vez, redunde na elaboración de traballos útiles que axuden a preservar a nosa riqueza cultural.
Con estes obxectivos
presentouse o proxecto denominado Atopando Compostela. Trátase dun xogo sobre a toponimia do Concello de Santiago, recomendado para maiores de 12 anos. Neste, os e as participantes veranse inmersos/as nunha andaina, lúdica e educativa, grazas á que se achegarán ao territorio e aos nomes dos seus lugares.
Movéndose por un taboleiro no que se representa a rosa dos ventos, formúlanse preguntas dalgunha das seis temáticas tratadas: medio, animais, plantas, xente, outros e probas. Por cada resposta atinada polos grupos xogadores, recibirán unha peza dun quebracabezas co mapa do Concello. O grupo que primeiro consiga todas as pezas e as encaixe acertadamente, será o que acade o obxectivo do xogo.
Atopando Compostela ofrece unha segunda modalidade, onde participan como mínimo dúas persoas, sen taboleiro e sen crebacabezas. Consiste en ir atinando preguntas, continuando até errar na resposta, gañando o que máis acerte. Ademais, hai dispoñíbel unha unidade didáctica no enderezo web do Departamento de Lingua Galega, destinada principalmente ao profesorado de educación secundaria.
Instrucións do xogo Atopando Compostela (.pdf)>Promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística, o xogo foi creado pola empresa Etnoga Patrimonio Cultural, e contou coa colaboración de catro especialistas da Asociación Galega de Onomástica: Xosé Ramón L. Boullón, Xulia Marqués, Luz Méndez e Gonzalo Navaza.