09-02-2012Club de debate, unha iniciativa conxunta de 13 SNL para favorecer o uso oral da lingua na mocidade

Os servizos de normalización lingüística (SNL) de 13 concellos organizan o Club de debate, un certame dirixido a alumnado de 3.º e 4.º de ESO e 1.º de Bacharelato para procurar favorecer o emprego do galego na mocidade en contextos formais, incentivar o pensamento crítico e o intercambio de opinións e afondar na fluidez comunicativa
O Club de Debate é unha actividade que, nos últimos anos, xa viñan desenvolvendo por separado os concellos de Pontevedra e da Coruña mais, este ano, na procura da ampliación territorial, da necesaria colaboración e coordinación administrativa para o fomento da lingua e da optimización de recursos, desenvolverase conxuntamente entre 13 concellos, a través do traballo conxunto e coordinado dos seus servizos de normalización lingüística (SNL): Ames, Betanzos, Carballo, Carral, A Coruña, Ferrol, Oleiros, As Pontes, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo.
Neste certame de debate poden participar equipos mixtos de catro a dez membros de 3.º e 4.º de ESO, 1.º de Bacharelato ou ciclos formativos de, como máximo, 18 anos, dos concellos organizadores. Os equipos participantes enfrontaranse nunha fase comarcal ou de zona e o equipo gañador desta fase competirá na final galega cos outros equipos gañadores da distintas comarcas. Esta final galega terá lugar o 28 de abril en Pontevedra.
A competición consiste na confrontación de argumentos entre dous equipos que defenden dúas posicións enfrontadas sobre o tema obxecto de discusión. Neste debate, o xurado valora a actitude xeral do equipo e dos seus integrantes, a diversidade e orixinalidade dos argumentos expostos, a calidade lingüística das intervencións, a capacidade de traballo en equipo, a capacidade de improvisación e reacción, a naturalidade e clareza expositiva e a capacidade de convencemento e incidencia.
O equipo gañador da fase comarcal, ademais de pasar á fase nacional, terá un premio dun vale en 500 euros en produtos culturais galegos. O equipo gañador da fase galega terá un premio dunha viaxe cultural para un máximo de 25 persoas.
- Zona da Coruña (bases): Betanzos, Carballo, Carral, A Coruña e Oleiros
- Zona de Compostela (bases): Ames, Rois, Santiago de Compostela e Teo
- Zona de Ferrolterra (bases): Ferrol e As Pontes
- Zona de Pontevedra (bases): Pontevedra
- Zona de Vigo (bases): Vigo
Desta actividade cómpre destacar –ademais da súa orixinalidade e importancia en canto ao fomento do debate, o intercambio de ideas e o fomento do uso do galego oral entre a mocidade–, tamén a colaboración interadministrativa e a coordinación e traballo conxunto entre 13 servizos de normalización lingüística (SNL) de concellos diversos, algo fundamental tanto para o fomento do galego como para o optimización dos recursos públicos.
Páxina en Facebook do Club de Debate >